Wednesday 08 de May de 2024

Feijóo expón a unión por ferrocarril do Porto Exterior como un “desafío inaprazabre”


Sobre a situación financeira da Autoridade Portuaria, subliña que, do mesmo xeito que o Goberno, a Xunta e o Concello chegaron a acordo en 2004, temos a obriga de volver a retomar eses acordos e selalos de novo para evitar a quebra
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expuxo hoxe a unión por ferrocarril do Porto Exterior como un “desafío inaprazable”.
“Estamos a falar dun enlace vital xa que sen el o Porto Exterior non é un porto, senón unha explanada portuaria”, dixo, expresando o convencemento de que, do mesmo xeito que se acadou en 2018 un acordo para a construción do ferrocarril, “volveremos acadalo antes de que finalice a declaración de impacto ambiental no mes de xuño de 2021”.
Durante a toma de posesión de Martín Fernández Prado como novo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Feijóo referiuse tamén a outra cuestión fundamental como é a situación financeira desta Autoridade Portuaria. “Todas as institucións somos responsables de que o Porto da Coruña non quebre”, aseverou ao respecto, subliñando que, do mesmo xeito que o Goberno de España, a Xunta e o Concello chegaron a acordo en 2004, “temos a obriga de volver a retomar eses acordos e selalos de novo para evitar a quebra. A Xunta sempre respectou eses acordos e seguirao facendo”, sentenciou.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego recoñeceu o labor das institucións portuarias durante a pandemia e salientou a súa importancia estratéxica no novo contexto da reactivación.
Nesta liña, agradeceu o traballo feito do presidente saínte, Enrique Losada, centrado no desenvolvemento do Porto Exterior, que neste momento está preto de acadar os 11 millóns de toneladas de mercancías cargadas e descargadas.
“Cando os portos progresan é porque a terra que os alberga progresa”, afirmou Feijóo, expresando o convencemento de que esta máxima tamén orientará ao novo presidente da Autoridade Portuaria no seu día a día. Para elo, aseverou que os Portos de interese xeral do Estado seguirán contando coa colaboración activa da Xunta, para traballar en beneficio da Comunidade.